O goberno local de Cuntis traslada á conselleira de Infraestruturas diversas demandas municipais
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira Conchy Campos, reuníronse este martes en Santiago coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para tratar diversos asuntos como as beirarrúas da rúa Convento, o polígono da Ran ou a seguridade viaria na estrada PO-226.
Segundo informou o goberno local, respecto da mellora na urbanización de beirarrúas na rúa do Convento, a conselleira recolleu o compromiso de levar a cabo un convenio entre a administración autonómica e o Concello de Cuntis para a humanización desta rúa.
En canto ao arranxo da intersección do polígono industrial da Ran coa PO-220, o alcalde propuxo á Consellería estude con detalle este cruce dado que o Concello ten a intención de realizar obras de mellora neste parque empresarial.
Finalmente, tratáronse temas de seguridade viaria na PO 26 no lugar de Meira.
O goberno local tamén deu traslado do convenio asinado no ano 2008 con Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no que se prevía converter as antigas escolas de Meira, Xinzo e Sebil en vivendas sociais para o que a Consellería tiña un proxecto realizado, interesándose agora o Concello en recuperar o devandito convenio para que sexa realidade.