Denuncian a persecución que sofre o persoal penitenciario
Por Redacción
O sindicato Comisiones Obreras, xunto ao resto da plataforma pola defensa dunhas condicións dignas para o persoal penal, integrada por APFP, CSIF e UXT, co apoio da plataforma de Funcionarios de Prisións Unidos (FPU), que representan á maioría do colectivo no ámbito de institucións penais, denuncian numerosas carencias nos centros penais, entre eles, o da Lama.
Afirman que se está acometendo un proceso de privatización aberto en Institucións Penitenciarias e denuncian a falta de persoal que sofre a institución, con preto de 3.000 prazas vacantes, unido ao problema de envellecemento do persoal, a nefasta xestión e escurantismo dos concursos de traslados, a elevada taxa de sinistralidade laboral que padece o colectivo e a carencia de medios, procedementos e formación.
Tamén aseguran que o persoal de prácticas é maltratado con períodos indefinidos de realización das prácticas, ademais de desigualdade salarial. Os sindicatos sinalan que sofren unha perda salarial do 5% e de poder adquisitivo e a existencia dunha grave discriminación retributiva con outros colectivos.
Os representantes sindicais lamentan a persecución que sofre o persoal penal por parte da Inspección Penitenciaria e sinalan a pasividade dos responsables da Institución, na defensa da dignidade, a imaxe e profesionalidade.
Ante esta situación, Comisiones Obreras anuncia que non asistirá aos actos conmemorativos da festividade da Mercé 2017 porque entenden que non hai motivos para a celebración desta festa.