Un mozo de 22 anos detido por violencia de xénero empréndea a golpes co vehículo policial
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo este domingo 16 de setembro un mozo pontevedrés de 22 anos tras presuntamente causar lesións á súa parella sentimental, unha moza de 20 anos. Unha vez detido, púxose agresivo e acabou sendo trasladado ao médico e rompendo un xanela do vehículo policial a patadas.
Segundo fontes da Policía Local de Pontevedra, todo ocorreu sobre as 11.45 horas do domingo na contorna da rúa Alexandre Bóveda e a avenida de Compostela. Unha testemuña alertou á Policía tras presenciar como un home agredía unha muller e facilitou a descripción física da parella.
Unha patrulla desprazouse ao lugar e localizou na zona de estacionamento da avenida de Compostela unha parella que coincidía coa descrición facilitada. A moza estaba a se secar as bágoas e o mozo realizaba movementos bruscos e, cando a patrulla achegouse, saíu correndo e foi alcanzado nas escaleiras.
A moza tiña sangue nos beizos e un golpe na tempa, pero asegurou aos policías que non fora golpeada, senón que ía camiñando e chocou cunha parede porque non a viu. Ante a contradición existente entre os datos facilitados pola testemuña alertante e a moza, os axentes volveron chamar á persoa que chamou e reiterou que vira como o mozo empuxaba á súa parella tan forte que se golpeou cun banco e caeu ao chan e que, a continuación, ela pediulle que alertase á Policía.
O mozo, de 22 anos, acabou recoñecendo que empuxara á súa parella e ela que o mozo actuou violentamente e queríaa levar contra a súa vontade a casa. A pesar dela non quixo denunciar os feitos, a Policía Local actuou de oficio e detivo ao home por un delito de violencia de xénero.
O mozo foi trasladado a dependencias policiais e púxose moi agresivo. Durante o traslado deuse cabezazos e na súa estancia no pre calabozo golpeou a cabeza contra a parede e os axentes tiveron que levalo ao centro médico da Parda. Xa antes de ser trasladado, deulle patadas á zona traseira do vehículo, chegando a desencaixar unha peza e, ao chegar, rompeu a xanela do vehículo a patadas.