Reflexións desde Pontevedra para a Unión Europea
Por Oskar Viéitez
O campus de Pontevedra acolleu este luns a segunda edición do Congreso de Estudos Internacionais de Galicia co propósito de analizar, desde Galicia, o futuro dunha unión "que está atravesando uns momentos de crise, sobre todo arredor do Brexit, pero tamén da rexeneración que busca o eixo franco-alemán", como apunta o director do Igadi, Daniel González Palau.
O congreso arrancou cunha apelación á importancia de construír un "novo relato" para o proceso de integración europea, que permita que a cidadanía "crea realmente na súa importancia", como salientou o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.
A conferencia inaugural deste Congreso de Estudos Internacionais de Galicia correu a cargo do político e economista Camilo Nogueira, eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004, quen reivindicou a UE como "a primeira economía mundial, por riba dos Estados Unidos e de China".
Ao tempo, apuntou tamén algunhas "cuestións cruciais" por resolver, como "a dependencia dos EEUU, froito da política de alianzas", a política exterior en materia de seguridade, a loita contra a pobreza ou a defensa do medio ambiente.
Camilo Nogueira defendeu tamén que "os tratados da Unión Europea non impiden o recoñecemento das diversas nacións, nin das derivadas de procesos de autodeterminación". Varios dos estados que integran actualmente a unión "teñen esa orixe", lembrou Nogueira nunha conferencia na que subliñou que, no contexto comunitario, "ninguén impide que Galicia estea representada como nación".