O PP sinte "vergoña e repugnancia" polo apoio de Lores aos alcaldes cataláns investigados
Por Oskar Viéitez
O portavoz popular, Jacobo Moreira, asegurou este luns sentir "vergoña e repugnancia" ante o apoio expreso do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aos máis de setecentos rexedores cataláns que están sendo investigados polo seu posible apoio ao referendo. Os 25 alcaldes do BNG asinaron un manifesto neste sentido.
"É unha mágoa ter que ver como o representante de todos os pontevedreses amosa o seu apoio aos sectores máis fanáticos e radicalizados da política de Cataluña", destacou o edil popular, quen asegura que "o feito de que Lores asinase este manifesto non é unha sorpresa" pois "o noso alcalde xa está a aplicar artigos inconstitucionais da Lei de Facendas Locais e mesmo se salta o procedemento legal para aprobar os orzamentos", engadiu.
Así, Jacobo Moreira considera que "non é unha novidade que Lores e o BNG apoien medidas que o único que buscan é romper a convivencia do noso país", pois "o fan diariamente enfrontando aos veciños de Pontevedra en asuntos tan triviais como a mellora dunha rúa ou dun barrio, desprezando á industria e aos seus traballadores ou facendo diferencias entre os que viven no centro e os que viven no rural".
"Esta é a política que defenden Lores e o seu equipo", destacou o portavoz dos populares no Concello. "Pontevedra ten un alcalde que se nega a condenar o terrorismo de Resistencia Galega, que mantivo arriada a bandeira da UE, que declara non grato a quen defende a Constitución e apoia aos que a queren incumprir. Estas actitudes danan a imaxe de Pontevedra", sinalou Jacobo Moreira.
"De todos é coñecida a simpatía que o BNG de Lores profesa cara a Arnaldo Otegi", lembrou Jacobo Moreira, "polo que tampouco sorprende que, unha vez máis se poñan ao seu carón, algo que sen dúbida algunha avergoña á inmensa maioría dos pontevedreses".
Relacionadas:
-
O referendo de Cataluña tamén divide aos pontevedreses
Por Oskar Viéitez |
-
Lores non retirará o seu apoio ao "dereito a decidir" de Cataluña: "Eu son nacionalista"
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira dá un ultimátum ao alcalde para que retire o apoio ao referendo ilegal
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas concentracións sacan á rúa as posturas enfrontadas dos pontevedreses sobre o 'procés' catalán
Por Mónica Patxot |
-
O "procés" enfronta a PP e BNG
Por Redacción |