Aprazan cinco meses un xuízo contra vinte acusados de estafa a compañías de seguros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Audiencia Provincial de Pontevedra terá que celebrar dentro de cinco meses, o próximo 19 de febreiro de 2018, un xuízo por estafa previsto inicialmente para esta semana. O presidente do tribunal da Sección Segunda da Audiencia que debía xulgar aos 20 acusados atópase de vacacións e non hai substituto, de modo que non puido conformarse a sala e o xuízo non puido celebrarse.
O xuízo sentará no banquilo dos acusados a vinte persoas por participar nunha presunta estafa continuada a aseguradoras a través de partes fraudulentos de accidentes de tráfico en distintos puntos de Pontevedra a súa área de influencia. O fiscal pide penas que suman 45 anos e indemnizacións para todos eles, que deberán pagar ás compañías de seguros.
Fontes xudiciais indicaron que hai xa días que se sabía que non se podería celebrar porque o maxistrado estaría de vacacións e por "outra serie de motivos", pero de todos os xeitos os vinte acusados, os seus avogados e as acusacións personadas nesta causa foron citadas igualmente para este luns, día previsto para o inicio do xuízo. O motivo foi tentar chegar a un acordo de conformidade que evitase a celebración da vista oral.
O fiscal do caso, Jesús Calles, tentou negociar coas partes, pero sen éxito. As partes estiveron na sala de vistas da Sección Segunda da Audiencia e finalmente abandonárona sen alcanzar un acordo. De todos os xeitos, non se descarta que se chegue a eses acordos antes do 19 de febreiro e nos próximos meses celebraranse novas reunións entre a Fiscalía e as partes para tentalo.
O fiscal si chegou a acordo con algúns acusados, pero o acordo de conformidade atáscase no relativo á responsabilidade civil, sendo especialmente complicadas as negociacións entre os vinte acusados e as compañías aseguradoras sobre o importe que deberán pagarlle por estafalas.
As estafas que se xulgarán son variadas. Nalgúns casos, as compañías aseguradoras chegaron a pagarlle diñeiro aos acusados por presuntos accidentes que finalmente se demostrou que non se produciron. Noutros, non chegou a pagar ao dubidar xa das circunstancias da incidencia no momento no que se denunciou.
Varios dos casos están relacionados con vehículos que o Consorcio de Compensación de Seguros abonou como sinistro total tras as inundacións ocorridas na comarca do Salnés de novembro do ano 2006 e que, posteriormente, os donos traspasaron a outra persoa. Volveron contratar unha póliza de seguros e supostamente sufriron ujn accidente polo que volveron reclamar diñeiro.
Aos acusados atribúeselles diferentes delitos, entre eles, dous delitos continuados de falsidade en documento mercantil en concurso con dous continuados de estafa, seis delitos de falsidade en documento mercantil en concurso con seis delitos consumados de estafa, tres delitos de falsidade en documento mercantil en concurso con tres tentados de estafa, dous delitos de simulación de delito en concurso con dous tentados de estafa e un delito de simulación de delito en concurso con outro consumado de estafa. As penas de prisión van dos dous aos cinco anos, en función do caso, e as indemnizacións varían entre os 1.455,57 euros a máis baixa e os 34.961,96 euros a máis elevada.
Relacionadas:
-
Vinte persoas chegan a xuízo 15 anos despois dos feitos a xulgar e catro máis tarde da primeira citación
Por Natalia Puga |
-
Suspenden o macroxuízo por unha trama de estafas a aseguradoras ao estar dous acusados en México
Por Natalia Puga |
-
Xulgan por estafa 20 persoas que falseaban partes de accidentes de tráfico
Por Oskar Viéitez |