O pleno aproba dúas mocións reclamando a recuperación do Pazo de Meirás co apoio de todos os partidos excepto o PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No pleno municipal do Concello de Pontevedra celebrado este venres os concelleiros do BNG, Marea Pontevedra, PSOE e Cidadáns votaron a favor de senllas mocións -unha do BNG e outra de Marea Pontevedra- para reclamar a recuperación do Pazo de Meirás. Os edís do Partido Popular votaron en contra.
Previamente foi rexeitada co voto en contra destes grupos unha emenda presentada polos populares na que, entre outras cousas, rexeitaba a pretensión do Bloque de solicitar que se declare á Fundación Francisco Franco e á familia do ditador persoas "non gratas".
Ante as críticas do portavoz de Marea, Luís Rei, ante a "ambigua" postura do Partido Popular fronte ao franquismo, o xefe de filas dos populares, Jacobo Moreira asegurou que "o PP é un partido democrático" e engadiu que "condenamos todas as ditaduras, tamén as de Maduro e Fidel Castro".
Moreira tamén reprochou ao concelleiro nacionalista Luís Bará, relator da moción do BNG, que "é unha pena que non demostren o mesmo interese por outros pazos como o de Lourizán", en referencia á proposta feita pola empresa Ence e rexeitada polo Concello e a Deputación, para rehabilitar o emblemático inmoble de Montero Ríos a cambio da cesión do seu uso á pasteira.
ELNOSA
Na sesión plenaria deste venres tamén se aprobou a proposición de Marea Pontevedra que solicita o peche da fábrica de Electroquímica do Noroeste SA (Elnosa) en decembro, data na que finaliza o permiso da Unión Europea para empregar mercurio na produción de cloro. Marea Pontevedra conseguiu o apoio de todos os grupos excepto do Partido Popular.
Na súa defensa da moción, Marea Pontevedra sinalou que desde a publicación no ano 2010 da directiva europea de emisións industriais, a xestión de Elnosa (adquirida en 2003 pola multinacional portuguesa Companhía União Fabril, CUF) "estivo máis centrada en comprar vontades que en adaptarse á nova legalidade".
Ademais, segundo Marea Pontevedra, amparándose na repercusión do peche sobre os empregos directos, "Elnosa quere chantaxear á sociedade" cunha tripla estratexia: conseguir unha moratoria de Costas, lograr a autorización ambiental integrada da Xunta de Galicia e cambiar a tecnoloxía, como demanda Europa (algo para o que precisa licenza do Concello, que rexeitou a posibilidade dun Plan Especial de Reforma Interior, PERI).
O portavoz de Marea Pontevedra cualificou a actuación de Elnosa como "unha irresponsabilidade que afecta directamente aos seus traballadores".
Mentres Marea Pontevedra defendía esta moción no pleno municipal o comité de empresa da cloreira protagonizou unha concentración de protesta ante a sede desta formación política.
Relacionadas:
-
Homenaxe ás vítimas da represión franquista en Lérez
Por Redacción |
-
O PP volve quedar fóra doutro acordo sobre o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Piden ao Concello que recupere o cruceiro que a corporación de 1938 lle regalou a Franco para o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez |
-
O Pazo de Meirás, Elnosa, a pasarela de Praceres e os lombos, entre os asuntos que irán a pleno este venres
Por Oskar Viéitez |