Lavado de imaxe para o camiño histórico do río Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas levou a cabo, a través de operarios municipais, tarefas de acondicionamento no camiño histórico do Verdugo, na parroquia de Taboadelo.
En concreto acometéronse labores de roza ao longo de dous quilómetros, xa que a maleza comezaba a pechar o paso nalgúns tramos. Ademais eliminouse vexetación do piso, especialmente na primeira parte do camiño, no seu tramo lousado.
O camiño parte do barrio de Entreidos, na parte baixa de Taboadelo, e discorre sempre en costa ata o encontro dos ríos San Vicente e Verdugo, finalizando na ponte de Canedo e conducindo ata os muíños de Taboadelo.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, sinalou tras visitar a zona xunto ao vicepresidente da comunidade de montes, Manuel Ares, que o goberno local estudará a posibilidade de restaurar os pasos do río Verdugo nesta zona.