Hai outra política afastada de fastos e protocolos. Outra política onde o seu máximo responsable público coñece persoalmente, se non a todos, á inmensa maioría dos seus administrados. Uns políticos aos que o mesmo reclaman porque apareceu un can morto nunha cuneta, porque choveu en demasía, porque non cae nin pinga, porque non se sabe que facer ante as velutinas ou porque hai que ceder unha leira. José Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa, é un deles.
Di: "estou canso da política", "teño baixo a miña responsabilidade a seis mil familias, máis a miña". Esta é outra política. Leva no cargo desde 2003 e escoitando os seus argumentos é comprensible que diga que quere xubilarse en condicións óptimas.
Na infancia fixérono socio do Celta e do Pontevedra. Segue sendo afeccionado ao fútbol e prefire acudir a un partido de Rexional que de Primeira ou Segunda División. Nos primeiros non hai palcos que exhiban autoridades e prefire pagar a súa entrada. Declárase madridista aínda que o neto, Sergi, saíulle 'culé'.
É dos Rolling e dos Beatles, sen rivalidade, aínda que ten claro que en política é do PSOE e non do PP. Relata sen complexos que durante anos acudía aos touros en Pontevedra. Olé! unha afección que actualmente poucos políticos recoñecen publicamente. É cuestión, símplemente, como engade, de respecto.
E é que Luís Poceiro é así. Ao pan, pan e ao viño, viño. Sen dobleces. Natural. O neno que lembra sen remilgos que na casa familiar de Vilaboa non tiñan ducha nin water e que pasou a vivir co "tío Adolfo" en Vigo, onde non lle falta de nada. Cóntao igualmente con total humildade. O seu periplo futbolístico como xogador comezou no Nogueira ao que seguiu unha boa ladaíña máis; o mesmo que de adestrador.
Quixo estudar Económicas, pero as responsabilidades fixérono desistir e pasou a ser un traballador do sector naval, do que agora segue sendo en excedencia. Nesta Playlist de PontevedraViva Radio, ademais de facer unha selección dos seus gustos e recordos musicais, déixanos unhas cantas definicións da súa personalidade: "teño un concepto sinxelo da vida, feixe ben e non mires con quen...pero que non me amolen", "Deus líbreme de iluminados que saben de todo e non fan nada".