O porto recibe o maior buque graneleiro no que vai de ano
Por Redacción
O buque Elena Ve, un impoñente graneleiro con 225 metros de eslora partirá este venres de Marín despois de operar durante esta semana no Peirao Oeste para realizar unha das maiores descargas de cereal que recibe o Porto de Marín.
Ata 66.000 toneladas de trigo está a deixar en porto o barco chegado de Chornomosk, en Ucraína. O buque, de máis de 32 metros de manga e máis de 13 metros de calado, está consignado polo Grupo Nogar.
Parte desta mercadoría aproveitará as novas infraestruturas de almacéns que esta empresa executou na chaira contigua ao Peirao Oeste.
Trátase da maior descarga de granel no que vai de ano, aínda que no mes de febreiro tamén operou en Marín outro gran buque, o Agnes, con 60.000 toneladas de cereal, neste caso millo. O récord histórico de mercadoría a granel nun só buque no Porto de Marín osténtao de momento o Ioannis Zafirakis, que deixou hai uns anos nos almacéns marinenses 69.000 toneladas de cereal.
O megagraneleiro coincide este xoves en porto con outro barco que descarga trigo no Peirao Leirós. O Porto de Marín é un gran centro loxístico de recepción e distribución de graneis agroalimentarios, un dos tráficos que neste porto conta con certificación europea de calidade.