Medio milleiro de persoas da área de Pontevedra están hospitalizadas nas súas casas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Pontevedra acollerá os próximos 6 e 7 de outubro, no Teatro Principal, as VI Xornadas galegas de hospitalización a domicilio, que reunirán na cidade a ao redor de 100 profesionais da sanidade.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mércores un encontro cos organizadores das xornadas, a Asociación Galega de Hospitalización a Domicilio, aos que agradeceu que se acordasen de Pontevedra para facer estes encontros.
Segundo informou o doutor José Antonio Varela, presidente da asociación organizadora, nas xornadas abordaranse temas tan relevantes na hospitalización a domicilio como os pacientes crónicos, a disfaxia (dificultade ou imposibilidade para tragar), a aplicación de opiáceos ou como resolver as "preguntas difíciles", como en que momento tomar decisións definitivas para os pacientes.
José Antonio Varela sinalou que o envellecemento da poboación é un factor determinante no crecemento que está a experimentar o programa "Hado" do Servizo Galego de Saúde. Así, o número de pacientes do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), que foron hospitalizados a domicilio incrementouse no últimos cinco anos.
Anualmente as seis persoas (dous médicos, catro enfermeiras e unha administrativa) que traballan neste servizo na área sanitaria de Pontevedra atenden a uns 500 pacientes fundamentalmente son pacientes crónicos, na súa maioría de idade avanzada, e tamén persoas que necesitan coidados paliativos. A Consellería de Sanidade na memoria anual do 061 recolle que en 2015, foron inscritos 302 pacientes do CHOP no programa Hado e en 2014 foron 287.
En Pontevedra este servizo púxose en marcha en xuño de 1999 e cobre o municipio da capital, Poio, Marín, Bueu, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Cotobade, Campo Lameiro, Barro, Meis e Sanxenxo.
Fernández Lores sinalou que se trata dunha alternativa "rentable económica e socialmente" xa que constitúe unha opción adecuada para aquelas persoas que non necesitan da infraestrutura hospitalaria, pero si de vixilancia activa. É unha forma de permanecer no fogar e dispoñer dos coidados médicos e de enfermería continuados.