Unha mostra fotográfica con 200 recordos das Palmeiras
Por Redacción
Os arredores do estanque das Palmeiras converterase, a partir do venres 15 de setembro nunha sala de exposicións ao aire libre. Ese día, ás 19 horas, inaugurarase unha mostra de 200 fotos achegadas polos veciños da cidade que dan conta da evolución deste espazo emblemático e tan importante na vida sentimental de tantos pontevedreses.
Na inauguración estarán, entre outros, o alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, o arquiveiro municipal, Enrique Sotelo e Meli Fandiño, a coñecida xornalista radiofónica que tivo a idea de facer a exposición como ramo da rehabilitación do estanque e contorna.
O concelleiro responsable de Parques, Alberto Oubiña, convidou á veciñanza a achegarse ata a exposición, onde todas as persoas que queiran poderán levarse de agasallo unha foto feita cunha Polaroid pola fotógrafa Beatriz Císcar. Tamén distribuirase unha publicación sobre as Palmeiras no momento da inauguración e nos establecementos de hostalería da contorna.
O catálogo da mostra inclúe un percorrido histórico polo espazo que hoxe ocupa As Palmeiras dende que se chamaba o Campo da Verdade, hai 800 anos, por ser o lugar onde se executaban os reos. Detense na significativa transformación que a cidade experimentou no século XIX e principios do XX co derrubamento da muralla ata chegar a onte mesmo, cando a rúa Gutiérrez Mellado toma a testemuña da senlleira avenida das Palmeiras para continuala ata as portas do centro histórico.
Os textos históricos foron realizados polo arquiveiro municipal, Enrique Sotelo.
Tamén inclúe un detallado plano do parque que recolle as 44 especies distintas que se distribúen nos parterres deste cuadrilátero que conforma o xardín histórico máis importante da cidade. Hai unha pequena referencia á iniciativa de Meli Fandiño de promover a exposición fotográfica con sabor a anos 50 e 60 que protagoniza a actual exposición, e tamén unha semblanza do mural “Eterno Retorno” co que se cubriu o pombal do estanque.