Un socorrista evita que un condutor bébedo circule en sentido contrario na peaxe de Vilaboa
Por Redacción
Un veciño de Mos, de 75 anos de idade, circulaba pola autoestrada AP-9 nun Peugeot-206 durante a madrugada do domingo. Ao chegar á peaxe de Vilaboa dáse conta de que se dirixía equivocadamente cara á Coruña, cando a súa intención era circular cara a Mos.
Así as cousas e a pesar das advertencias do traballador da cabina de peaxe dá media volta ao seu turismo para desfacer o camiño percorrido dirixíndose cara a Vigo polo carril esquerdo e en sentido contrario á circulación, segundo informa a Garda Civil de Tráfico.
A escena provocou o asombro dos usuarios que nese momento atopábanse na peaxe. No medio do estupor, un dos usuarios que viaxaba acompañado da súa familia, consciente do perigo que supoñía que o condutor de Mos circulase en sentido contrario, baixou do seu vehículo con intención de paralo.
Por sorte, o home de 75 anos virou con lentitude e torpeza o seu coche e, durante a manobra, o usuario logrou convencelo para que regresase cara ás cabinas da peaxe. A continuación, o home que puxo en perigo a súa vida para parar ao infractor, logrou quitarlle as chaves do vehículo e poñerse en contacto co servizo de urxencias do 112-Galicia.
Axentes da Garda Civil trasladáronse ata a peaxe e, unha vez alí, realizaron a proba de alcoholemia ao condutor de Mos. Os resultados mostraron que triplicaba a taxa de alcol de aire expirado permitida. Por este motivo, o turismo quedou inmobilizado e o condutor, ao que se lle investigamente penalmente como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, quedou retido ata que pasou a recollelo un familiar.
O heroe da escena traballa como coordinador do servizo de Salvamento e Socorrismo das praias da Coruña e, segundo a Garda Civil, a súa actitude é o contrapunto a aqueles condutores que, a pesar de observar a gravidade da situación, nin se detiveron para prestar axuda nin avisaron á Garda Civil nin aos servizos de emerxencia.
Os responsables da Garda Civil eloxian publicamente a conduta deste usuario que baixou do seu coche e sorteando o risco de ser atropelado polos demais vehículos que pasaban sen preocuparse polo que estaba a suceder. Ademais, sinalan que se arriscou ata o extremo ao opoñerse ás intención dun condutor en estado de embriaguez, que puido reaccionar de forma imprevisible.