Tráfico intercepta en Baión un camioneiro que conducía drogado
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detectou esta fin de semana a un camioneiro que deu positivo no test de drogas cando conducía un vehículo articulado de máis de 40 toneladas de peso.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon o pasado domingo cando unha patrulla de Transportes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, nunha inspección rutineira, interceptou a un camioneiro na estrada PO-531, á altura da localidade de Baión, en Vilanova de Arousa.
Ao observar os compoñentes da patrulla un comportamento anómalo por parte do condutor e presumindo que o camioneiro puidese consumir substancias incompatibles coa condución, realizáronlle a proba de detección de alcol que resultou negativa. Ao persistir os síntomas de desatención, practicóuselle a proba indiciaria de detección de drogas en saliva, que deu resultado positivo.
Ademais desta infracción grave ao Regulamento Xeral de Circulación, o camioneiro, veciño de Cambados, foi obxecto doutras dúas denuncias administrativas ao Regulamento de Transportes: unha delas por non efectuar os descansos obrigatorios e a outra por superar os tempos de condución en días anteriores.
O vehículo foi inmobilizado no lugar da infracción e comunicado á empresa para a substitución do condutor.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil reitérase o risco que supón a condución baixo os efectos do alcol e/ou das drogas, ao poñer en perigo a propia vida do condutor e dos demais usuarios da estrada.
Por iso, unha vez máis, apélase tamén á colaboración de todos os usuarios para que cando detecten conducións anómalas comuniquen a alerta a través dos teléfonos 062 ou 112.