A eliminación da recollida do lixo orgánico conlevará a redución da taxa?
Por Oskar Viéitez
A eliminación da recollida do lixo orgánico conlevará a redución da taxa? Esa é a pregunta que o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira fará ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores no pleno deste venres.
A raíz do anuncio realizado polo goberno local sobre a compra de 8.000 composteiros individuais que se repartirán entre as vivendas con horta do municipio, o portavoz popular, Jacobo Moreira, empraza ao alcalde a responder a varias cuestións sobre este asunto.
"Cremos necesario resolver todas as dúbidas que, tras este anuncio, están a preocupar aos nosos veciños", destacou este mércores o edil popular, "pois en ningún caso quedou claro se a recepción destes composteiros individuais vai ser voluntaria, é dicir, aqueles veciños que o desexen poderán formar parte deste proceso, ou se pola contra é unha obriga para todos", engadiu a continuación o portavoz dos populares no Concello de Pontevedra.
"Por outra banda, e dado que se eliminará o servizo de recollida de lixo nas vivendas ás que se lle entreguen os composteiros individuais", apuntou Jacobo Moreira, "os nosos veciños deberían saber se isto supoñerá unha redución da taxa municipal de recollida de lixo", salientou.
Os populares esperan que este novo anuncio, que previsiblemente terá un custo de máis de 840.000 euros para as arcas municipais, "non sexa outra improvisación do BNG de Lores".
"O goberno local leva varios anos dando bandazos coa compostaxe", sinalou Jacobo Moreira, "non hai máis que ver o que está a pasar coa planta de compostaxe, para a que non hai nin tan sequera proxecto, pero si estamos a pagar 25.000 euros anuais polo aluguer dos terreos nos que se ía instalar", lembrou o edil popular quen volve a esixir ao goberno local "seriedade" en todo este asunto.