O PP insta á Deputación a crear unha mesa provincial de Turismo
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular pedirá ao goberno da Deputación de Pontevedra, formado polo Partido Socialista e o BNG, que cre unha mesa provincial de Turismo que teña como obxectivo "axudar a desestacionalizar este sector" e trazar estratexias para potencialo.
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, acompañado dos deputados do Salnés, Salomé Pena e Luís Aragunde, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentou este martes en Sanxenxo a moción que levarán ao próximo pleno da institución provincial con esta iniciativa.
Ángel Moldes explicou que a idea de constituír esta mesa débese a que "moitas veces as ideas políticas sobran" polo que formarían parte da mesma representantes do sector turístico, a Xunta e todos os alcaldes porque "con independencia da súa cor política son os verdadeiros representantes dos veciños".
Debe ser "unha mesa aberta que escoite e onde non ten que haber política, senón o interese do sector e de todos os veciños", dixo o portavoz provincial do PP.
"Seguimos vivindo da marca Rías Baixas que creou no seu día o Partido Popular", dixo Moldes
Nesta comparecencia ante a prensa, celebrada no Paseo de Silgar en Sanxenxo, o Partido Popular tamén reclamou á Deputación que presente o Plan estratéxico de turismo, unha folla de ruta que definirá as accións, estratexias e intervencións no sector ata 2020, e que nestes momento acaba de completar a súa primeira fase, que incluíu consultas a axentes, empresas, concellos e demais entidades con responsabilidades no tema.
"Pedimos unha copia para poder valoralo e se temos que aplaudilo imos facer sen ningún tipo de problema", dixo o portavoz do PP.
Moldes lembrou que na actualidade "seguimos vivindo da marca Rías Baixas que creou no seu día o Partido Popular" e que, segundo dixo, "é un proxecto que funcionou porque o sector é partícipe" polo que convidou á presidenta Carmela Silva "a que siga potenciando a marca Rías Baixas" e que "cre esa mesa aberta de diálogo e non unha mesa política", afirmou.
Tamén apuntou Moldes que aos populares "sorprendeunos moitísimo" o escaso protagonismo que tivo Sanxenxo no balance ofrecido pola Deputación cos datos turísticos do mes de agosto cando, ao seu xuízo, este municipio "serve de motor económico a toda Galicia". Neste sentido, Ángel Moldes fixo un chamamento á presidenta da institución provincial, Carmela Silva para que reciba ao alcalde de Sanxenxo.
Finalmente, Telmo Martín engadiu que "o turismo non debe estar no debate político senón que todos debemos remar na mesma dirección" e agradeceu aos seus compañeiros a presentación desta moción no seu municipio.
Relacionadas:
-
O plan estratéxico de Turismo estará aprobado en decembro para potenciar o sector
Por Redacción |
-
Telmo Martín lamenta os "desplantes públicos" que lle fai a presidenta da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva recomenda ao PP que tome tila porque "están moi nerviosos"
Por Anxo Lourido |
-
SmartPeme incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico
Por Oskar Viéitez |
-
O turismo deixa os mellores datos históricos no mes de agosto nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Descubridores Rías Baixas, un concurso para promocionar os nosos recunchos máis descoñecidos
Por Redacción |
-
Agosto rexistra un récord de turistas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |