Alertan da saturación de arquivos nos pasillos da Parda e do perigo ante situacións de emerxencia
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social debido á preocupante situación na que se atopan os arquivos nos xulgados da Parda en Pontevedra. Esta central alerta da saturación que se se rexistra nas dependencias xudiciais cunha situación lamentable e perigosa nos xulgados de primeira instancia número 2 e número 5 de familia.
Os arquivos con expedientes amoréanse nas escaleiras e nos corredores ao non haber espazo nos andeis nos que deberían atoparse ordenados. Alternativas na Xustiza-CUT indica que este material almacenouse en caixas que se colocan no chan ao redor das mesas dos funcionarios xudiciais.
Este escenario, segundo os representantes sindicais, provoca unha situación de perigo ao incumprir "gravemente" as normas básicas en materia de prevención de riscos laborais, xa que non se ofrecen as condicións de máxima seguridade no caso de que sexa necesario evacuar o edificio. Sinalan que as vías e saídas de evacuación atópanse obstruidas polos arquivos.
O sindicato afirma que a maioría das instalacións xudiciais atópanse nunha situación límite ao bordo do colapso. Por este motivo, reclaman á Inspección de Traballo que inste á Consellería de Xustiza a que nome a persoal especializado en expurgo para levar a cabo este labor e que facilite espazos onde colocar as caixas cos procedementos. Alternativas na Xustiza-CUT lamenta a indiferencia da administración xa que este sindicato presentara denuncias sobre esta situación o 21 de febreiro e o 19 de maio deste ano sen que se adoptasen medidas.
RESPOSTA DA XUNTA
Segundo indicou a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos xulgados da Parda vanse retirar próximamente máis de 168.311 expedientes que a Xunta de Expurgo aprobou eliminar. Iso permitirá habilitar espazo dispoñible nos arquivos desa sede. No caso concreto dos xulgados de instancia o número de expedientes a retirar supera os 81.439.
No caso do xulgado número cinco de familia a situación é diferente porque a documentación que ten é maioritariamente de conservación permanente (non ten expedientes eliminables).
Estas mesmas fontes oficiais informaron que o que se determinou neste caso foi que era posible unha mellora co subministro de estanterías. Antes do verán colocáronse dúas estanterías máis e, no mes de setembro, acordouse instalar 12 estanterías a maiores nos arquivos do sótano, operación que se realizará en datas próximas.
A maiores a Vicepresidencia está xestionando a habilitación dun depósito de documentación externo (ademais do actual existente na sede da Xunta en Campolongo), onde se poderá transferir documentación que, non sendo eliminable, non é utilizada con frecuencia polos xulgados.