A parroquia de Anceu soa coma un parque natural
Por Redacción
Un estudo ven de acreditar que a parroquia caldelán de Anceu é un lugar con parámetros acústicos equivalentes aos dun parque natural.
O enxeñeiro da Universidade de Cádiz, Ricardo Hernández Molina, utilizou Anceu para poñer en práctica a metodoloxía que utiliza a Axencia Federal de Estados Unidos National Park Service (NPS) para avaliar a "paisaxe sonora" dos espazos protexidos norteamericanos.
A medición de ruído nos parques naturais, separando os ruídos procedentes da propia natureza dos orixinados pola actividade humana, é algo relativamente novidoso, pois á parte dos Estados Unidos e Xapón, tan só hai constancia de que se teña efectuado en Europa no Parque Urquiola, de Biskaia.
Hernández, que presentou estes datos ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, ofreceuse a colaborar para facer avaliacións acústicas no resto do municipio.
O enxeñeiro engade que mesmo sumando sons como os producidos polas chocas ou campás do gando e os ladridos dos cans, ata un 43% do tempo estaría libre de calquera contaminación acústica de influencia humana.
A parroquia de Anceu, onde se tomou este rexistro, está formada polos lugares de Anceu, Esfarrapada e Os Ramís ten unha poboación duns 300 habitantes. Conta con 85 vivendas e unha superficie total de máis de 17 hectáreas. O seu mapa sonoro está influído pola presenza das estradas autonómicas e locais que comunican con Esfarrapada, Barbudo, Forzáns, Moscoso, Calvos e Ramís e tamén polo tráfico aéreo, que constitúen unha das principais fontes de contaminación acústica.