O concello distribuirá 8.000 composteiros entre as vivendas unifamiliares con horta
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns o expediente de contratación para a subministración de 8.000 composteiros individuais. O importe do contrato é de 842.160 euros, é dicir, sae cada composteiro a 87 euros máis IVE.
"Trátase de dotar de composteiros individuais a todas as vivendas unifamiliares, urbanas ou do rural, que teñan unha pequena horta", sinalou o portavoz do goberno local, Raimundo González.
O prazo máximo de prestación desta subministración é de dous anos, isto quere dicir que unha vez que se adxudique empeza a repartición dos composteiros a medida que se lle vaian pedindo. O contrato acabarase no momento no que se distribúan todos os 8.000 composteiros.
Esta distribución farase "parroquia por parroquia, casa por casa" e entregaráselles un a un aos veciños, que tamén recibirán unha explicación coas instrucións necesarias para o seu uso. Unha vez que estean en funcionamento haberá un seguimento posterior para controlar que a súa utilización está a ser correcta.
"Esta é unha aposta moi importante para que todos os veciños do rural poidan facer o seu propio compost", afirmou Raimundo González sobre esta "xeneralización deste servizo".
O seguinte paso será a desaparición do colector de orgánicos ao entender que "a recollida de orgánicos evidentemente alí onde non haxa produtor non será necesaria" xa que "estariamos a duplicar ou servizo".
A previsión do goberno local é que este contrato estea adxudicado a inicios do próximo ano e póidase empezar o despregamento. Mentres tanto xa se está deseñando a programación desta repartición con colectivos veciñais.
Relacionadas:
-
Pontevedra entrega catro 'big bags' de estruturante a Ponte Caldelas para atallar os efectos dos incendios
Por Natalia Puga |
-
Vilaboa inicia un novo reparto de composteiros aos veciños
Por Redacción |
-
A eliminación da recollida do lixo orgánico conlevará a redución da taxa?
Por Oskar Viéitez |
-
Carme da Silva responde ao PP que o plan de compostaxe está en marcha
Por Redacción |
-
O PP pregunta polo plan de composteiros comunitarios ao levar medio ano parado
Por Redacción |
-
240.000 euros para os centros de compostaxe comunitaria de Monte Porreiro e Campolongo
Por Redacción |