A romaría dos Milagres de Amil énchese de devotos tras unha noite de camiñada
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Centos de devotos percorrían durante a noite deste sábado ao domingo os distintos camiños para chegar ata Moraña. Neste municipio celébrase unha das romarías con máis tradición na provincia, os Milagres de Amil.
É unha festa que se basea na historia dun home que no século XVII atopábase impedido para recoller auga coa que regar a horta da súa casa. Entón, pediulle axuda á Virxe dos Milagres e nuns días a auga brotou xunto á vivenda do home de avanzada idade. O home creou a Fonte de Rozavella, orixe da capela onde se celebran os actos relixiosos con motivo desta festividade.
Durante este domingo, día grande da festa, oficianse diversas misas rezadas coa solemne das 13.00 horas que dá paso á procesión coa imaxe da Virxe percorrendo os arredores do templo.
O vindeiro sábado 16, a festa continuará con máis actos litúrxicos e a verbena a cargo de orquestra Panorama, previa á celebración do día da nosa Señora de Guadalupe.
INCENDIO NO TRAXECTO A AMIL
Segundo informaban os bombeiros de Pontevedra, unha dotación interveu durante esta madrugada despois de que o servizo de Emerxencias do 112 alertase dun incendio no traxecto aos Milagres de Amil á altura da parroquia pontevedresa de Verducido.
Os bombeiros tiveron que sufocar unhas pilas de palla e uns colectores de lixo. A alerta produciuse ao redor das 05.30 horas e a dotación tivo que empregarse a fondo durante preto de cinco horas ata extingir as lapas debido ás dificultades que presentaban os distintos focos de orixe do lume. Non se rexistraron danos persoais.