Denuncian o abandono do parque da Compostela
Por Redacción
Os veciños de Vilagarcía de Arousa denuncian a falta dunha randeeira e a presenza de cravos enterrados entre as pedras do parque da Compostela. Sinalan que estes cravos son perigosos nunha zona moi concorrida, sobre todo por menores.
No Partido Popular fanse eco desta situación e cualifican o estado xeral dos elementos de xogo deste parque como "deplorable".
Os populares estenden as queixas a todos os parques infantís de Vilagarcía e consideran que se atopan nunha situación de "total abandono". Desde o PP entenden que o goberno local castiga aos máis pequenos ao non coidar o mantemento dos espazos que máis utilizan.
Os populares lembran que levaron a pleno unha moción, que saíu aprobada, para manter un coidado prolongado durante o actual mandato e sinalan que se está incumprindo.