Convocan unha manifestación en Pontevedra para pedir xustiza para Juana Rivas
Por Redacción
En Pontevedra, ao igual que noutras vinte cidades españolas, hai convocada unha manifestación en apoio a Juana Rivas.
A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chama a toda a mocidade e a toda a cidadanía a participar na mobilización contra o machismo deste sábado 9 de setembro, que partirá ás 19 horas dende a praza da Peregrina.
O movemento feminista convoca as manifestacións "para reclamar unha xustiza sen machismo e colocar no debate público a necesidade de dotar de medios e profesionais a unha xustiza que non protexe ás mulleres que sofren violencia ".
"Juana Rivas é só un exemplo mediático do que a xustiza machista fai todos os días, tamén en Galiza", indican as convocantes.
Dende o colectivo feminista de Galiza Nova indican que "a mocidade non pode dar as costas á realidade do noso país, onde as cifras de mulleres asasinadas e en perigo son intolerábeis". Ademais, "os fillos e fillas de mulleres maltratadas sofren tamén o machismo e debemos asegurar a súa protección con garantías".
Indican que "a xustiza non protexe ás mulleres maltratadas, e un exemplo témolo no caso de Juana Rivas". "Por ela, por tantas outras e polas súas fillas e fillos, estaremos na mobilización deste sábado en Pontevedra", conclúen.