Hai fórmulas na vida para lograr uns obxectivos. Esforzo, sacrificio, constancia, ímpeto... adoitan ser bos aliados se se tira polo camiño menos cómodo e cada día parece que menos aconsellable. Eses aliados manéxaos con soltura o invitado desta Playlist de PontevedraViva Radio.
Varito era un neno de Salcedo que se levantaba de madrugada para axudar aos seus pais na leira e despois marchaba cara á escola para cumprir tamén con estas obrigacións. Como tantos da súa xeración divertíase con xogos moi sinxelos e imaxinábase como vaqueiro, ao estilo daqueles de Bonanza que vía nunha tele da parroquia, pero en lugar de subir a cabalo, Varito subíase a unha porca.
Con oito anos, nunha chiquillada coa súa curmá, pillouse a primeira e única bebedeira da súa vida. Tiña un don para o deporte. Ao fútbol, o mesmo destacaba como porteiro que como goleador. Con 14 anos quixo ser boxeador, pero como non conseguía que lle desen a pertinente licencia, decidiu aos 16 subir á bicicleta. Evaristo Portela Acuña gañou o seu primeiro premio en Monte Porreiro e aquela noite, durmiu co trofeo.
O director deportivo do G.D. Supermercados Froiz conclúe que para ser un bo ciclista hai que "ter actitude e alguén que che guíe ben". A experiencia, que é a nai de ciencia, é quen llo inculcou. Un home de valores, deses que non cotizan en Bolsa, pero que enriquecen como persoa. Valores que herdou de Evaristo e Josefa, que transmitiu ás súas fillas, que transmite aos seus pupilos deportivos e que aplica igualmente no seu traballo - si, queda tempo para "o seu" outra empresa, Campofrío -.
Tiña e ten un don para o deporte e outro para ir pola vida: don Evaristo. Aínda que, seguro, que el dirá que este último don sobra.