Catro proxectos de acuicultura en Bueu e 20 na ría de Arousa recibirán axudas públicas
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia acaba de facer públicas a concesión das axudas para investimentos produtivos en acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que suporán unha aportación de 56.450 euros para catro iniciativas no concello de Bueu e de case 535.000 euros para 20 proxectos nos concellos pontevedreses da ría de Arousa.
Estas axudas teñen como principal obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentables e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020.
O principal destino dos fondos das axudas de acuicultura é o sector bateeiro, de feito, este sector é o que recibe, na provincia de Pontevedra, o 98% do montante económico e o 94% do total de axudas da provincia.
A Xunta lembra que a nosa provincia ten unha grande importancia no sector do mexillón, xa que produce o 66% do total de Galicia e hai unha menor presenza de produción piscícola.