O colexio Manuel Cordo Boullosa xa está listo para o comezo do curso escolar
Por Redacción
Rematadas as obras o colexio Manuel Cordo Boullosa, situado en pleno centro urbano, quedou en perfecto estado de revista para o comezo do curso escolar.
O Concello de Ponte Caldelas xa acondicionou a ludoteca municipal e, unha vez rematados esta mesma semana os traballos no Cordo Boullosa desprazou ás brigadas municipais de Obras ao colexio da Reigosa, completando así os traballos de mantemento programados.
O alcalde, Andrés Díaz, acompañado do concelleiro, e tamén director do centro, Manuel Barreiro, visitou as obras, que responden integramente ás peticións recibidas dende o equipo directivo.
Os operarios pintaron os corredores da área de profesores, así como dúas aulas que precisaban dun repaso. Tamén deixaron perfectamente acondicionado o vestíbulo da biblioteca. As luminarias do centro foron obxecto de melloras para tratar de evitar as curtas que se producen habitualmente por mor da antigüidade da instalación eléctrica, incapaz de soportar as crecentes necesidades. Ademais disto fixéronse reparacións de fontanería, incluíndo reparacións en billas e tubaxes, así como nalgunhas ventás, onde se substituíron cristais rotos.
O alcalde recalcou que o Concello cumpre escrupulosamente coas súas competencias legais de mantemento e conservación dos colexios públicos e está sempre sensible ás peticións que se lle fan dende a comunidade docente.
Sen embargo, Andrés Díaz recalca que o paso dos anos está a notarse nos dous colexios caldeláns e, no caso do Cordo Boullosa, a instalación eléctrica e de internet están obsoletas e precisan dunha substitución completa, polo que é necesario que a Consellería de Educación, "que leva demasiados anos sen investir en Ponte Caldelas" se poña mans á obra.