Identifican o autor dun incendio ocurrido en Xeve por unha queima neglixente
Por Oskar Viéitez
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Pontevedra, en colaboración con axentes forestais esclareceron un incendio no concello de Pontevedra.
Os axentes da Policía Autonómica en colaboración con axentes medioambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais, procederon á imputación dun varón, como presunto autor dun incendio orixinado o pasado 31 de agosto no lugar de Sobral, parroquia de Santo André de Xeve, que afectou a unha superficie aproximada de 0,60 hectáreas, das cales 0,20 corresponden a monte raso e 0,40 a arborado.
O lume iniciouse cando o investigado realizaba unha queima de xeito neglixente e sen ningún tipo de autorización. Nesta época do ano están suspendidos os permisos de queimas.
Para a extinción do incendio foi necesaria a intervención do persoal do Servizos de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.
Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Garda de Pontevedra. No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 83 persoas por delitos relacionados con lumes nos montes galegos.