Alertan dunha nova burbulla inmobiliaria en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
En Marea Sanxenxo Somos alerta dunha nova burbulla inmobiliaria neste municipio.
Facendo referencia aos últimos datos obtidos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), desde esta formación politica sinalan que Sanxenxo "é un dos concellos galegos onde máis peso están a coller as vivendas de aluguer vacacional, provocando que as bolsas de aluguer de vivendas para todo o ano sexa cada vez menor".
A demanda asociada á vivenda de aluguer vacacional como investimento e o aumento de vivendas de segunda residencia ou vacacional "fai que tanto o aluguer como o prezo das propiedades se incremente de tal maneira que os expertos na materia temen que podamos estar ante unha segunda burbulla inmobiliaria".
Aseguran que esta situación que se dá noutros concellos turísticos galegos, no caso de Sanxenxo "acentúase aínda máis" debido a que, segundo En Marea, "o actual órgano de goberno do concello, liderado polo construtor, promotor e especulador Telmo Martín", aprobou a baixada da porcentaxe de chan e edificación destinada a vivenda de protección oficial, dun 20% a un 5,5%.
Finalmente En Marea Sanxenxo Somos engade que "o único que se consegue con esta medida é propiciar a creación dunha burbulla inmobiliaria que traerá como consecuencia a subida dos prezos da vivenda, favorecendo así tan só aos promotores en detrimento de a adquisición ou aluguer por parte dos veciños dado os baixos salarios e a temporalidade do traballo dos habitantes do municipio".