O BNG denuncia que a Deputación exclúe aos nenos discapacitados dos seus campamentos de verán
Por Oskar Viéitez
A deputada provincial, Iolanda Veloso (BNG), denunciou este martes que a Deputación de Pontevedra "exclúe expresamente" aos nenos discapacitados dos seus campamentos de verán, xa que recolle nas bases que non poden inscribirse nesas actividades os "menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias".
A deputada nacionalista cualificou a actuación da Deputación de "miserable" xa que "se discrimina" a unha parte da poboación, e aténtase contra os seus dereitos nas bases de participación dos campamentos do centro Príncipe Felipe e da Lanzada.
O grupo provincial do BNG presentará unha moción exixindo a inmediata eliminación desa "exclusión expresa". Ademais reclaman que se reserve polo menos un 15 por cento de prazas para nenos con diversidade funcional e que se garanta a súa inclusión en todas as actividades programadas pola institución provincial.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, recordou que esa cuestión "xa se tratou nunha comisión informativa" e negou que se discrimine aos menores discapacitados.
Segundo precisou Figueroa as bases instan a que "si hai unha discapacidade, póñase en coñecemento do organismo" por unha "cuestión técnica" para coñecer a situación dos nenos á hora de inscribirse. Figueroa recalcou que a Deputación "vai dar cobertura" a todos os nenos.