Educación reformará o pavillón do IES Castro Alobre, en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Educación vai acometer a mellora do pavillón do IES Castro Alobre, de Vilagarcía, por un importe de arredor de 150.000 euros. Así o anunciou o conselleiro Román Rodríguez este martes nas instalacións do instituto, onde explicou que está previsto licitar as obras nos vindeiros días e a previsión é que se acometan ao longo deste trimestre.
Ademais o conselleiro e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, formalizaron o contrato para a dotación dun comedor escolar no CEIP do Piñeiriño, unha obra cuxo investimento total ascende a 78.000 euros, dos cales 75.000 euros corresponden á execución da obra e os 3.000 euros restantes ao custo da redacción do proxecto.
O investimento total en mellora das infraestruturas educativas no Concello de Vilagarcía nos últimos anos supera os 3 millóns de euros
O conselleiro aproveitou a ocasión para lembrar ante os xornalistas os preto de un millón de euros que inviste a Xunta na ampliación do IES Francisco Asorey (Cambados), o medio millón de euros da obra de eficiencia enerxética que se está desenvolvendo no CPI Mosteiro (Meis) e outro tanto no IES Cotarelo Valledor (en Vilagarcía), entre outras.