Ponte Caldelas sancionará tres veciños por desobedecer a orde municipal de limpar as súas fincas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de pechar tres expedientes sancionadores contra as persoas propietarias doutras tantas fincas por ter incumprido a ordenanza municipal que obriga a limpalas para previr os incendios e protexer o ornato e a salubridade públicas.
As infraccións consistirán en multas coercitivas de carácter repetitivo cun importe aínda por determinar e que pode chegar ata os 3.000 euros.
O goberno local caldelán aprobou a ordenanza a principios de ano e mesmo publicou un bando informativo lembrando a toda a veciñanza a obriga de rozar as terras situadas en solo urbano e núcleo rural e recordando que os terreos rústicos e forestais son competencia da Xunta de Galicia. O prazo concluíu o pasado día 30 de xuño.
O alcalde, Andrés Díaz, explica que o Concello non iniciou ningún expediente sancionador de oficio, senón que todos eles abríronse tralas 62 protestas recibidas nas oficinas municipais.
En todos os casos aprobouse unha orde executiva concedendo un prazo adicional dun mes para a limpeza e só aos infractores abríuselles expediente administrativo sancionador no que nin alegaron, nin recorreron. Porén, o Concello subliña que algunhas reclamacións referíanse a fincas en solo rústico ou forestal, polo que foron remitidas á Xunta de Galicia como administración competente neste ámbito. A Lei de Prevención de Incendios faculta ao executivo autonómico a impoñer sancións, pero non consta que se teña feito.
No que atinxe aos tres infractores sancionados en base ás competencias municipais, o Concello decidirá agora o importe das multas coercitivas, que serán repetitivas ata que atendan o requirimento municipal. No caso de persistir na súa actitude, o Concello conta aínda coa ferramenta legal de executar a limpeza pola vía da execución subsidiaria, repercutindo posteriormente o custo.
As leiras están situadas en Forzáns, Cuñas e Taboadelo. Nun caso trátase dunha propiedade de máis de 1.000 metros cadrados e as outras dúas son inferiores a 500 metros. Os expedientes teñen certa complexidade, porque inclúen informe da Policía Local sobre o estado de abandono e comprobación da titularidade co catastro, onde os propietarios non sempre están ben identificados.
"Está moi claro que falamos de infractores conscientes, porque máis oportunidades de corrixirse non puideron ter, pero, aínda así, se mañá mesmo comparecen con fotografías que demostren que efectuaron a limpeza comprometémonos a arquivar os expedientes e a esquecer as sancións", afirma o alcalde.
Díaz Sobral subliña que a intención do Concello nunca foi recadar, senón contribuír á prevención dos incendios dende o eido municipal e tamén á limpeza xeral do municipio, "pois tiñamos moitísimas queixas de veciños e veciñas sobre o estado de fincas apegadas ás súas propiedades, non só polo risco de incendio, senón tamén pola insalubridade".
O alcalde recalca que a maioría da veciñanza limpa e roza adecuadamente as súas fincas. De feito, notouse un incremento importante durante este ano, coincidindo coa aprobación da ordenanza, "pero está claro que hai algunhas persoas que necesitan levar un escarmento".
O Concello vai continuar nesta liña todos os anos e agarda que esta estrea na aplicación da ordenanza, cun total de 62 protestas recibidas, vaia dando paso a unha total normalidade.
De feito, explica o alcalde, son varios os concellos galegos que nos teñen chamado para pedir información e que nos teñen anunciado a súa intención de aplicar a mesma regulación dentro dos terreos incluídos nas competencias locais.
Finalmente, lembra que o propio Concello dá exemplo cunha campaña de corta da broza nos espazos públicos e a carón das vías municipais que dura toda a primavera e o verán, algo que nunca se tiña feito neste municipio e que chegou co cambio no goberno local operado hai dous anos.
Relacionadas:
-
A Brilat conclúe a misión de vixilancia nos montes
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reforza cun alxibe os seus medios para loitar contra incendios forestais
Por Redacción |
-
Todas as leiras de Ponte Caldelas deben estar limpas en prevención de incendios antes do 30 de xuño
Por Redacción |
-
A brigada municipal comeza a limpeza nos 33 núcleos de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ata 3.000 euros de multa para as fincas sen limpar de Ponte Caldelas
Por Redacción |