Comeza o curso na Escola Infantil da Parda co obxectivo de mellorar o patio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Educación Carmen Fouces visitaron este martes a Escola Infantil da Parda, a gardería máis grande de Galicia con 118 prazas para menores de 3 anos e 20 educadores.
Os pequenos nesta primeira xornada achegábanse acompañados polos seus pais para coñecer o centro e ás persoas que se van a encargar da súa educación durante os próximos meses. O centro estreaba un espazo para aparcar os carriños, unha demanda das familias.
O alcalde e a responsable de Educación acompañaron á directora Lupe Pérez a percorrer as instalacións. Unha das principais necesidades que presenta o centro é a mellora do patio exterior, que conta cun chan de formigón que provoca feridas nos pequenos e ademais xera moita calor cando se rexistran temperaturas elevadas. A directora sinalou que Carmen Fouces indicáralle que tentarán buscar unha solución para mellorar este espazo.
Outra das melloras que se reclaman atópase na climatización da zona de administración, que está en vías de solución e dos corredores, unha zona que é utilizada habitualmente para actividades cando hai mal tempo para saír ao patio exterior. Lupe Pérez afirma que se nota moito o contraste de temperaturas entre as aulas climatizadas e os corredores e iso pode provocar arrefriados.
CHAMAMENTO Á XUNTA
A concelleira Carmen Fouces fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que teña en conta o aumento de poboación infantil en Pontevedra e a necesidade de crear novas prazas.
A concelleira indicou que ademais das 118 prazas do centro da Parda, existen 60 na gardería do campus, 120 no Toxo e en Campolongo, que se atopan fóra do conorcio e ao redor de 40 no edificio da Xunta de Galicia, ademais da rede de escolas privadas.
Sinala que sempre hai unha ampla lista de espera para os centros públicos e por iso reclama á Xunta que atenda ás necesidades de Pontevedra para crear novas escolas infantís.