Un cruceiro marítimo no Grove para reivindicar a ruta Traslatio
Por Redacción
Instalado nunha roca sobre o mar, entre a ruta do mar de Arousa e a terrestre do Pai Sarmiento na zona de Cantodorxo, atópase xa o cruceiro marítimo que este luns inauguraban a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde do Grove, José Cacabelos.
A presidenta provincial destacou a beleza da peza de granito realizada por Francisco Pazos, un escultor nado en Meaño e que se formou na Escola de Cantería da Deputación, onde tamén impartiu clases desde 1991 ata o ano 2000.
No cruceiro figuran o cristo e a virxe do Carmen, con rostros parecidos entre si, mostrando o seu parentesco. O alcalde do Grove sinalaba que se atopan instalados á inversa da forma habitual. Neste caso, a virxe atópase mirando ao mar, que é o camiño principal da ruta marítima.
Carmela Silva destacou a gran idea de instalar nese espazo porque, segundo entende, permitirá reivindicar á Xunta de Galicia que sexa unha das rutas oficiais da ruta da Traslatio na ría de Arousa e servirá para recuperar a zona para uso público.
CONVENIO PARA A FESTA DO MARISCO
Previamente á inauguración, os dous representantes políticos asinaron no Concello un convenio de colaboración para a celebración de actividades tradicionais na Festa do Marisco.
A presidenta provincial subliñou que a ocupación turística durante este verán no Grove alcanzou o 90%, unha cifra que se repetirá durante os meses de setembro e outubro.
A axuda da Deputación é de 6.000 euros, a mesma cantidade que para as festas declaradadas de interese nacional na provincia. Este diñeiro servirá para financiar as actuacións dos grupos de música tradicional, a saída dos Marisquiños e a celebración da Noite Meiga.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda aposta en Vilanova por impulsar a Ruta Traslatio para potenciar a presenza de peregrinos
Por Redacción |
-
Botou a andar un novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Festa do Marisco presentarase en Barcelona
Por Redacción |
-
A sepia, novo produto para a Festa do Marisco do Grove
Por Redacción |