A xerencia dos hospitais de Pontevedra di que fai os traslados internos segundo un acordo de 2009
Por Redacción
Este martes 5 haberá asembleas tanto no Hospital Provincial como en Montecelo en diferentes quendas convocadas pola Xunta de Persoal ante o malestar existente pola situación dos traslados internos nos centros hospitalarios de Pontevedra. Nestas asembleas decidirase se inician un calendario de protestas laborais.
Pola súa banda, a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) emitiu un comunicado no que apunta a que os criterios das bases dos procedementos de traslados internos foron aprobados e asinados na mesa sectorial de decembro de 2009 entre as organizacións sindicais e a administración.
Por este motivo, desde a xerencia dos hospitais indícase que as bases da convocatoria do concurso propostas pola dirección na actualidade son o reflexo destes principios aprobados naquel acordo, que foi actualizado en xullo de 2016. Sinalan ademais que neste acordo non se contemplan "resultas" (postos vacantes) e afirman que tampouco se consideraron noutras áreas do Sergas.
A xerencia indica que, atendendo á petición realizada polos sindicatos, indicóuselles que se comprometían a unha negociación previa dun procedemento para adxudicar os postos de traballo que puidesen quedar vacantes como consecuencia da resolución do concurso de traslados internos.
A xerencia incide en que xa está a traballar na convocatoria dun concurso de traslados internos e comprométese a axilizar os trámites administrativos para que o procedemento se realice con celeridade para que os postos de traballo vacantes se cubran de forma provisional ata a convocatoria do próximo concurso.
A xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés asegura que, ata o momento, non obtiveron resposta á súa proposta de negociación por parte dos representantes sindicais.