O Concello califica de "exitosa e espectacular" a XVIII edición da Feira Franca
Por Redacción
O Concello de Pontevedra vén de emitir un comunicado onde valora de "exitosa e espectacular" a XVIII edición da Feira Franca. O goberno local salienta que esta cita obrigada do calendario festivo do verán galego, sigue sendo un "reclamo para moitos visitantes de fóra do país", e sinala que así se puido comprobar polas rúas e prazas do centro histórico e da Alameda, "ateigadas de persoas".
Dende a organización da Feira Franca destácase "a participación activa das persoas, que son éxito deste evento festivo".
Centos de veciños de Pontevedra celebraron a Feira Franca ceando e comendo nas rúas e prazas da cidade, unha actividade completada cos establecementos de hostalería que "destacaron pola súa axeitada ambientación", trasladando o centro histórico da cidade a Idade Media.
A maioría de idade da Feira Franca desenvolveuse sen especiais incidencias. Arredor de 50 persoas acudiron ao posto de atención médica instalada nas inmediacións do Teatro Principal. A maioría das asistencias foron por lipotimias, aínda que tamén se rexistraron outras de distinta índole como o dunha persoa que presentaba un corte nunha man por un coitelo. Todas elas de escasa entidade, e só unhas poucas foron trasladadas a un centro sanitario.
Os traballos de limpeza de todo o recinto da Feira Franca comezaron coas primeiras luces do día, e prolongáronse até primeiras horas da tarde, para devolver a Pontevedra ao século XXI.