Os socorristas de Sanxenxo tiveron 88 actuacións cada día
Por Oskar Viéitez
60 socorristas que traballan nas praias de Sanxenxo durante o verán. Desde o 16 de xuño ata o 31 de agosto os socorristas realizaron un total de 6.798 actuacións.
Entre estas destacan os avisos nas zonas de baño con 1.726. Por exemplo, avisos a nadadores por vento e ondada, por nadar fóra da zona de boias ou facelo na canle de entrada das embarcacións, en zonas reservadas para a práctica do surf e lanzarse de cabeza á auga en zonas perigosas. Séguenlle as incidencias por feridas que suman 1.552 e completa o ránking, as picaduras de fanecas con 908.
O resto de incidencias está reflectido no cadro resumen da tempada 2017.
Isto supón unha media de máis de 88 casos cada día.
As praias de Silgar (1.301 actuacións), Canelas (820), Areas (790) e A Lanzada (729) son as que acumulan maior número de intervencións e suman máis da metade de todas as rexistradas ata agora, ao supoñen 3.640 do total. A principal razón é que se trata de catro dos lugares máis frecuentados, con miles de usuarios cada día. Outra praia moi utilizada, a de Baltar, rexistrou 413 casos, por detrás das 631 de Montalvo e as 438 de Major.
Por baixo das 400 intervencións aparecen Pragueira (358), Foxos (247), Paxariñas (325), Caneliñas (235) e Lapa (167). A elas débense engadir as 203 realizadas desde a embarcación de apoio.
As emerxencias máis abundantes son as de avisos na zona de baño, con case 1.800 casos. Neste sentido, foi A Lanzada a de maior número de alertas deste tipo, con case 300 casos, mentres que en Canelas superáronse os 150. Tamén abundan as feridas (1.551), en especial en Silgar (402).
SEN AFOGADOS
O goberno local, pola súa banda, quixo destacar a total ausencia de casos de afogamento. Sinala que non hai falecidos desde setembro de 2015 e confía en que se manteña esta positiva estatística ata o día 10, cando se pecha a tempada de salvamento e socorrismo.
XORNADA DE FESTA
A praia de Silgar e o recinto portuario acolleron este sábado unha xornada de xogos na que os máis pequenos foron os protagonistas cunha gimkana de xogos populares e unha festa da escuma.