A ludoteca de Ponte Caldelas amplía o seu espazo
Por Redacción
A ludoteca municipal de Ponte Caldelas afronta o novo curso con instalacións ben acondicionadas e ampliadas. O Concello acaba de finalizar os traballos de mantemento integral, que este ano consistiron nunha limpeza e pintado de todo o interior.
Ademais, os rapaces gozarán dun novo espazo de lecer na parte traseira do edificio. O acordo alcanzado cuns veciños de Laxoso, propietarios desta parcela, permite a súa utilización nas horas de recreo. Este espazo será especialmente útil durante o verán, pois o Concello tamén adquiriu unha pequena piscina desmontable.
Nas próximas semanas vaise a fresar completamente o terreo para dotalo de céspede e unha superficie regular e adecuada para a súa utilización.
O goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está decidido a apostar por esta instalación, na que teñen cabida uns 40 rapaces e que constitúe unha ferramenta fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.