As Festas da Virxe do Porto traen á Panorama, Broken Peach, Luís Davila e Carlos Blanco
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín optou este ano por potenciar de forma considerable a programación das Festas da Virxe do Porto, patroa do municipio, co obxectivo de darlle a estas datas o valor que lle corresponde no calendario festivo anual, poñer sobre a mesa unha ampla oferta de actividades e, con iso, tratar de contribuír a dinamizar a economía local a través do comercio e, fundamentalmente, a hostalería.
A programación inclúe a orquestra Panorama, o espectáculo 'Menú da Noite' cos artistas Luís Davila e Carlos Blanco, a actuación de Broken Peach (banda que abarca soul, gospel, funk, pop e rock, entre outros xéneros), a música tradicional a través do VI Memorial Antonio Fernández de Os Chaneiros, campionatos deportivos de pesca e ciclismo.
Ademais, a tradicional misa e procesión en honra á Virxe do Porto completan a programación especial deseñada para a fin de semana do 7 ao 10 de setembro.
Desde o goberno local destacaron que serán unhas festas con "gran variedade de actividades para que todos poidan sentirse identificados", cunha "enorme calidade" en canto ás formacións, polo que convidaron a todos os veciños e visitantes a celebrar xuntos estas festas patronais.