Volven as andainas de "En Ruta coa Depo"
Por Redacción
Esta fin de semana, primeiro de setembro, retómase a actividade de "En ruta coa Depo", un programa da institución provincial que permitirá que 1.120 persoas de 12 concellos realicen itinerarios por distintos lugares da provincia.
Desta forma, entre outros grupos, o sábado 2, un colectivo de 54 veciños de Redondela terán a oportunidade de coñecer a illa de Ons e a localidade de Portonovo, do mesmo xeito que outras 54 persoas da asociación San Andrés de Vea da Estrada.
Ata Redondela, percorrendo a illa de San Simón, trasladándose ata Ponte Sampaio e ao castelo de Soutomaior achegarase un grupo de 54 persoas da asociación Feafes de Pontevedra durante ese mesmo sábado. O mesmo percorrido realizarán máis de 50 persoas procedentes de Vilagarcía, de Trabanca Sardiñeira.
Durante esa xornada, outro grupo de Santa María de Caldas de Reis coñecerá as illas Cíes e o barrio vigués do Berbés, mentres que a asociación Pescadores Deportivos de Marín partirá cara a Ponteareas e Salvaterra de Miño, ao mesmo tempo que a asociación de Mulleres Rurais de Xustáns, en Ponte Caldelas, realizará unha visita á ría de Arousa, O Grove e o xacemento da Lanzada.
Durante este domingo 3, un grupo de persoas da asociación de veciños Pardavila de Marín trasladarase ata Redondela para coñecer a illa de San Simón e o Museo Meirande para despois continuar ata Ponte Sampaio e visitar o castelo de Soutomaior, do mesmo xeito que outros grupos de Ponteareas e da asociación Avelaíña de Vilagarcía de Arousa.
Ese mesmo domingo, un grupo de 54 persoas da asociación Vaivén de Marín visitará O Grove. Por outra banda, 106 persoas da confraría de pescadores San Martiño do Grove partirá cara á illa de Ons e completará a súa visita percorrendo Portonovo.
O programa "En ruta coa Depo" quere crear espazos de convivencia e impulsar a igualdade de acceso a recursos turísticos, especialmente para persoas con diversidade funcional.
A Deputación inviste neste programa 260.000 euros e oferta por primeira vez 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. Ofértanse 32 rutas con seis alternativas: temáticas, culturais, marítimas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, xuvenís e para ANPAS.