Rodríguez Búa reclama o certificado técnico das casetas da feira multisectorial de Portonovo
Por Oskar Viéitez
A edil non adscrita, Vanessa Rodríguez Búa, esixe ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, copia do certificado técnico que avalou que a instalación das casetas que compoñen a feira multisectorial cumprían con todas as esixencias de seguridade necesarias, así como que se corresponden con requisitos esixidos no prego de condicións que determinou a adxudicación destes servizos.
A edil non adscrita lembra que un técnico municipal tivo que realizar obrigatoriamente estas tarefas de control e asinar o pertinente informe, do que solicitou copia o pasado 14 de agosto sen recibir polo momento resposta algunha.
A total ausencia dunha tarima sobre a que deberían ser instaladas as casetas provocou que hai varias semanas algunhas delas se esborrallasen, obrigando ao Servizo Municipal de Emerxencias a desprazarse ata o paseo Rafael Picó para proceder ao precinto de varias destas casetas ata a súa posterior reposición. Só uns días despois, foron os propios adxudicatarios destes postos os que criticaron as elevadas temperaturas que se rexistraban no interior das casetas, que provocaban danos nas mercadorías.
Ambas as cuestións levan á edil non adscrita a querer comprobar cales foron as medidas de control sobre a instalación exercidas polo goberno local, tendo en conta que o proceso de adxudicación deste traballo supuxo a interposición dunha denuncia por parte de polo menos dúas das empresas que participaron neste concurso.
Ademais, a edil non adscrita quere comprobar que a seguridade deste evento foi contratada no mesmo momento en que se comezou a actividade de venda de artigos neste paseo de Portonovo, polo que tamén solicitou por escrito o contrato asinado coa empresa que en teoría realiza estas tarefas.