Cidadáns propón a creación do Portelo Único Empresarial no Concello de Pontevedra
Por Redacción
Cidadáns presentou unha moción onde propón a creación do Portelo Único Empresarial no Concello de Pontevedra.
María Rey, portavoz de Cs Pontevedra, explicou que "se trata dun espazo físico e en liña no que autónomos, sociedades e emprendedores poderán obter información administrativa sobre como desenvolver o seu proxecto de creación, ampliación ou modernización da súa empresa, así como realizar os trámites de inicio de actividade e, posteriormente, a súa xestión diaria, integrando nun único punto todo o necesario para o desenvolvemento do seu negocio".
O Portelo Único Empresarial xa existe en numerosos concellos, de distinto signo político e, como destaca María Rey, sirve para "unificar nun espazo físico diversos trámites elimina parte da burocracia e axiliza a posta en marcha de novos negocios".
"Xa que parece que o Concello empeza a tomarse en serio a promoción económica, mesmo con países que defenden os tratados de libre comercio, é o momento de apostar polos emprendedores e facilitarlles a creación dos seus negocios. Apostar polos emprendedores é apostar polo futuro. Apostar por un Concello que os promocione é apostar por unha cidade modélica e non só por un modelo de cidade", engadiu a edil da formación laranxa.
A moción de Cidadáns propón instar á Xunta de Goberno a que adopte as medidas necesarias para a posta en marcha deste servizo, en coordinación e colaboración coas administracións competentes.