"Aínda queda o peor", avisan os populares de Poio sobre o recibo da contribución
Por Oskar Viéitez
O voceiro do PP de Poio para asuntos económicos, Juan José Rodríguez Grandal, advertiu este martes que os recibos do IBI que están comezando a recibir os veciños, correspondentes a 2017, aínda non inclúen a subida da contribución nin os atrasos que cobrará o concello a resultas do proceso de regularización catastral.
Rodríguez Grandal explicou que as cartas que se están a recibir agora "son as de 2017, sen as subidas da regularización catastral, porque os valores resultantes dese proceso entrarán en vigor en 2018 e aí será cando o concello lles cobre o recibo máis caro e os atrasos dos catro últimos anos".
O edil popular apuntou que, pese a que moitos afectados "pensaban que o problema estaba solucionado" tras pagar 60 euros por cada ben regularizado, "aínda queda o peor: o incremento no recibo e os atrasos dos últimos anos que lles pasará o concello a partir do ano que ven" e, incluso, nalgúns casos, a partir de 2019. "Os veciños de Poio van estar moito tempo pagando as consecuencias das mentiras do bipartito", afirmou o edil popular.
Grandal volveu lamentar ademais que a falta de información e transparencia do goberno local impediu en todo momento ós veciños coñecer e estar preparados para este "golpe á economía das familias de Poio".
"Non informaron da regularización, non tomaron medidas para que os afectados puidesen aforrar a taxa e os atrasos e maniobraron de forma covarde para que os veciños non tivesen información nin puidesen dar sequera a súa opinión", explicou Grandal, que recalcou que, a partir de 2018, ademais, os veciños comezarán a pagar o recibo máis caro e recibir todas as cartas de pago cos atrasos dos últimos anos.
"O problema aínda non rematou, senón todo o contrario", dixo.