Combarro recibiu a 114.000 persoas durante os cinco días da Festa do Mar
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio fixo unha valoración moi positiva desta XVII edición da Festa do Mar, que se celebrou en Combarro desde o 23 ata o 27 de agosto.
O concello móstrase "moi satisfeito" co desenvolvemebnto e acollida de todas as actividades que tiveron lugar durante os cinco días festivos, así como coa "grandísima afluencia de público" acadada.
Ata a mostra gastronómica deste ano achegáronse milleiros de visitantes e turistas atraídos pola calidade e variedade da oferta gastronómica. De feito, durante estes cinco días contabilizáronse no mostrador de venda de tickets da carpa gastronómica un total de 37.104 persoas das que un 24,71% procedían da provincia de Pontevedra, un 15,25% eran de Madrid e un 4% de Barcelona.
Tamén foi salientable a porcentaxe de visitantes doutras comunidades autónomas como Andalucía cun 7,30%, e os estranxeiros que representaron o 4,34%.
No que respecta ao consumo realizado na carpa, houbo un incremento das vendas do 12,80% con respecto ao ano pasado, destacando as 1.389 racións de ameixa babosa da ría de Pontevedra cociñadas en distintas modalidades facendo un consumo total de 370 kilos deste molusco, así como as 870 racións de polbo e os 620 kilos de mexillón.
En relación ás numerosas actividades levadas a cabo durante os días de festa cabe destacar a quinta Mostra da Canción Mariñeira, que este ano contou con nove grupos de toda a xeografía galega que animaron as noites na carpa ateigando a taberna mariñeira de xente, chegando a rexistrar ata 2.000 persoas durante as actuacións musicais.
Tamén foi salientable o amplo abano de actividades diúrnas que encheron de xente as prazas do conxunto histórico de Combarro coas sesións vermú, os obradoiros infantís, os pasarrúas dos grupos folclóricos e moitísimas actividades para tódolos públicos.
Nos concertos nocturnos celebrados na Praza da Chousa durante as cinco noites, destacaron pola gran afluencia de público a actuación de David Civera e o festival Armadiña Rock, que este ano volveu a contar con dúas xornadas musicais para o público máis "rockeiro" con grupos tan recoñecidos como Heredeiros da Crus e Def con Dos.
Nesta nova edición do festival Armadiña Rock, o Concello de Poio volveu a habilitar para acampada a explanada da Seca-A Reiboa, espazo que chegou a rexistrar máis dun milleiro de tendas de campaña, salientando o bo comportamento dos campistas o non rexistrarse ningún tipo de altercado. Ademais houbo unha xornada adicada aos amantes da música tradicional co Festifolk e actuou a orquestra Capitol, que puxo fin a cinco días de intensa actividade.
Para rematar, a organización destaca os datos en canto a afluencia de visitantes que durante os cinco días de festa se achegaron ata a vila mariñeira para gozar do amplo abano de actividades dispoñibles para todos os públicos, contabilizando en Combarro durante os cinco días de festa unhas 114.000 persoas segundo informou a Policía Local de Poio.
As doce da noite do venres foi o momento máis álxido de afluencia en Combarro, obrigando incluso ao corpo da Policía Local de Poio a pechar o acceso a Combarro pola avenida Francisco Regalado debido a gran afluencia de público e de visitantes que se atopaban neses momentos polo casco da vila, chegando a rexistrar ata 19.000 persoas polas súas rúas.
O operativo especial de tráfico posibilitou o acceso a Combarro a todas aquelas persoas que se achegaron ata a mostra gastronómica e as exposicións. Os estacionamentos tanto na zona de a Seca- Reiboa como na zona do CEIP Chancelas, así como no porto da Canteira, soportaron o alto número de visitantes e os autobuses descargaron e cargaron aos pasaxeiros no acceso ao porto e proximidades, abandonando a zona de Combarro para unha mellor fluidez do tráfico, contabilizándose 20 autobuses por día.
A presenza de un número axeitado de axentes, unha ambulancia de Cruz Vermella na zona, tres técnicos sanitarios e un médico, ademáis da colaboración da Garda Civil do posto de Pontevedra, garantiron o éxito do mesmo.
Non houbo incidentes de carácter grave, só se rexistraron dous altercados entre mozos, unha ducia de asistencias sanitarias por torceduras de nocellos e dúas intoxicacións etílicas (unha delas con traslado a centro sanitario), así como tamén a Policía Local interviu algunhas doses de sustancias psicotrópicas.
Os axentes municipais agradeceron a comprensión por parte da veciñanza nestes días nos que Combarro se veu ateigada de coches e persoas que alteran o normal funcionamento.
Relacionadas:
-
A Festa do Mar, do 22 ao 26 de agosto; a Festa da Ameixa, 15 e 16 de setembro
Por Redacción |
-
Poio habilitará un total de 95 novas prazas de estacionamento no núcleo urbano de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Agosto rexistra un récord de turistas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Fin de festa para unha concorrida edición da Festa do Mar
Por Diego Torrado |
-
25.000 persoas pasaron por unha edición de récord do Armadiña Rock
Por Redacción |
-
O Armadiña Rock bota por fóra cos Heredeiros da Crus
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Combarro dá a benvida a unha nova edición da Festa do Mar
Por Diego Espiño |
-
Plan especial de tráfico e seguridade para a Festa do Mar
Por Redacción |