O PP, en San Xurxo pensando en Barcelona: "Rompéronnos a alma, pero non van romper nunca o que somos"
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Dez días despois dos atentados de Barcelona e Cambrils, a cúpula maior do PP estaba citada en Cerdedo-Cotobade para a apertura oficial do seu curso político a nivel nacional e non faltou á cita, pero Cataluña estivo inevitablemente presente e as referencias ao terrorismo coáronse nos catro discursos. O alcalde, Jorge Cubela, e o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, como anfitrións, e os presidentes do partido e dos gobernos de Galicia e de España, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, como convidados de excepción; solidarizáronse coas vítimas e co pobo catalán.
"Rompéronnos a alma, pero non van romper nunca o que somos", advertiu Feijóo ao yihadismo que sesgou a vida de 16 vítimas mortais. No seu discurso tamén foi duro con quen responde con división ante a ameaza terrorista. "Malditos aqueles políticos que dividen á xente", engadiu, para pedir, a continuación, que "a política ten que estar á altura, unidos, para defender o noso modo de vida e a vida dos cidadáns".
Os discursos estiveron tan cheos de crítica como cargados de emoción. "Hoxe o meu corazón, o corazón do presidente, o corazón de todo este partido, o corazón de toda Galicia está e segue estando en Barcelona", mantivo Feijóo, á vez que pedía a quen lanza a ameaza terrorista "que nos deixen vivir en paz".
Mariano Rajoy apelou á unidade, pois "luchar contra el terrorismo desunidos no es posible" e "aparcar las diferencias nos hace grandes". "Las víctimas nos quieren unidos y los terroristas nos quieren desunidos", insistiu e lanzou tamén unha advertencia ante a grave ameaza do terrorismo yihadista: "Nuestra libertad puede más que su miedo y nuestra democracia no cede ante la barbarie".
Joge Cubela lembrou "a todas as vítimas" e enviou "un especial abrazo para o pobo de Cataluña", mentres Alfonso Rueda destacaba que "os atentados en Barcelona van facer que este sexa un mes de agosto que quede sempre para o triste recordo".
Non só Cataluña se coou nos catro discursos, tamén o castelo de Soutomaior, lugar tradicionalmente elixido polo PP para o seu inicio do curso ata que perdeu a Deputación e o goberno bipartito PSOE-BNG decidiu prohibir a celebración de actos políticos neste recinto da Deputación.
O verán pasado estreáronse na carballeira de San Xurxo de Sacos e este repetiron, con máis de 1.500 asistentes e un balance de éxito, pero, segundo avanzaron, aspiran a repetir en 2018, pero xa non en 2019, cando confían en recuperar o goberno provincial e poder volver a Soutomaior.
"Tenemos todavía aquí el acto del año que viene, el de 2018. En 2019 será en otro lugar", confirmou Rajoy, que pechou o acto. Antes anunciábao Alfonso Rueda, que criticou que á presidenta da Deputación, a socialista Carmela Silva, "non lle gustaba a imaxe de unidade do partido que dá o PP, fronte á imaxe que dan eles" e anunciou que ao PP quedan "dous anos para volver a Soutomaior e facer este acto onde se fixo sempre".
Feijóo dirixiuse a Jorge Cubela para chamar a atención sobre o feito de que "a política é algo agridoce" e o que para Alfonso Rueda será a boa noticia de recuperar a Deputación e Soutomaior, para el será "unha mala noticia", pois "cando volvamos gobernar a Deputación volvémonos a Soutomaior". Pero houbo para o rexedor una de cal e outra de area, pois Feijóo pasou a eloxiar o proceso de fusión entre Cerdedo e Cotobade consolidado no último ano como "un exemplo de saber facer".
Ao acto acudiron cargos do partido a nivel autonómico e central, desde o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, á presidenta do Congreso, Ana Pastor; a senadora Pilar Rojo; os catro secretarios provinciais do PP; e numerosos conselleiros, alcaldes e concelleiros chegados de toda Galicia.
Relacionadas:
-
O PPdeG volverá abrir o curso político en San Xurxo de Sacos e confirma a presenza de Pablo Casado
Por Redacción |
-
O PP respalda a Jorge Cubela como candidato para presidir o partido no municipio
Por Redacción |
-
Carmela Silva lembra que o castelo de Soutomaior xa non é un monumento "onde Rueda ía xogar aos castillitos con Rajoy"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP agarda 1.500 persoas o domingo no inicio do curso político en San Xurxo, que presidirá Rajoy
Por Redacción |
-
Rajoy repetirá na carballeira de San Xurxo para abrir o curso político nacional do PP
Por Redacción |
-
Rajoy repetirá na carballeira de San Xurxo para abrir o curso político nacional do PP
Por Redacción |
-
Cotobade abre o curso político do PP, por primeira e última vez?
Por Natalia Puga |
-
O PP escolle Cotobade para iniciar a precampaña, coa presenza de Rajoy e Feijóo
Por Redacción |