Buscan un acordo para empregar a Casa dos Mestres do Álvarez Limeses para uso educativo
Por Anxo Lourido
O Concello de Pontevedra tentará alcanzar un acordo coa Xunta de Galicia para que a Casa dos Mestres situada nun lateral do colexio Álvarez Limeses poida ser utilizada para fins educativos. Así o anunciaba a concelleira de Educación, Carmen Fouces, este venres indicando que se busca esta alternativa porque as actuais instalacións do centro quedan escasas para as necesidades formativas.
Fouces realizou unha análise sobre a actual situación das 21 escolas de Primaria e Infantil do Concello de Pontevedra e anunciou que o goberno local estableceu contratos con dúas empresas para acometer durante os próximos catro anos o mantemento dos centros dependentes do Concello por valor de 800.000 euros.
Neste sentido indicou que durante este verán tamén se levaron a cabo obras na contorna das escolas de Lérez, Lourizán e San Martiño de Salcedo, cun orzamento de 300.000 euros, co obxectivo de mellorar a seguridade dos escolares e crear aparcadoiros. Estes traballos espérase que estean finalizados en outubro.
Na contorna do Vidal Portela, na rúa Álvaro Cunqueiro, tamén se van a crear zonas de carga e descarga. Ademais, sinalou que a Escola Infantil da Parda contará cun espazo para aparcar os carriños e executaranse a limpeza de baixantes e canlóns para evitar que, coas primeiras choivas, prodúzanse inundacións. Tamén se revisarán os baños, as cubertas e acometeranse obras interiores que non afecten á acción educativa. Do contrario, os traballos realizaríanse nas vacacións de Nadal.
Ao longo deste ano xa se realizaron traballos por unha cantidade superior aos 110.000 euros con reparación de escaleiras, pintado e mellora dalgúns centros, que contan xa cunha media de antigüidade de 25 anos, segundo apuntaba a concelleira responsable.
A concelleira indicou que lle gustaría que a Xunta investise máis nos centros do municipio pero sinalou que están a facer un esforzo por mellorar o aforro enerxético reforzando o peche de portas e xanelas.