O Concello mellorará a imaxe da entrada a Pontevedra polo Nó do Pino
Por Redacción
O Concello de Pontevedra remitirá ao Ministerio de Fomento nos próximos días o anteproxecto da reforma do entroncamento entre a avenida de Vigo e o Nó do Pino.
O concelleiro responsable de Obras, Demetrio Gómez, manifestou que esta obra contempla a mellora estética dese punto de entrada de Pontevedra. Por este motivo, a proposta leva o acondicionamento dos xardíns, a ampliación da beirarrúa nese tramo final da avenida de Vigo e a instalación dun paso de peóns.
Demetrio Gómez destacaba que este intervención permitirá crear un circuíto peonil ao redor do Nó do Pino e conectar coa zona de San Brais. Neste sentido sinalaba que é unha actuación importante e complexa porque conecta o rural coa entrada urbana.
O paso de peóns faría funcións de interconexión para entrar en Pontevedra dende un barrio da periferia como pode ser o da ponte do Couto. Neste caso hai un pavimento vermello, dá toda a volta ao Nó do Pino e remata nunha pista do rural, cara a ponte do Couto
A obra quedará pendente das estimacións que realice o Ministerio de Fomento, que é o titular do Nó do Pino.