A Festa da Raia pecha a súa XIX edición con máis de 2.000 racións servidas
Por Redacción
Esgotadas todas as existencias de raia. ÿ o cartel que tiveron que colgar os organizadores da XIX Festa da Raia de Portonovo ante o éxito que colleitou a edición deste ano. En total, servíronse 2.119 racións deste saboroso prato, unha cifra que supera con creces a rexistrada o ano pasado e que demostra o acertado do cambio de formato deste evento gastronómico.
O formato deste ano cambiou a cociña única polos stands degustación de dous restaurantes de Portonovo: Mesón O Chasco e Bar A Curva, nos cales servíronse as máis de 2.000 racións de raia. Ademais, a participación nas diferentes actividades que se organizaron ao redor desta Festa da Raia (serán, corais, gala, acto homenaxe, festival e obradoiros) superou a cifra das 3.000 persoas.
Desde a organización consideran "positivo" o cambio dado a este evento "reflexándose no ambiente creado na carpa, onde durante os dous días houbo afluencia de persoas que se interesaban polo que nela estaba pasando". Por iso é polo que sinalen que "queda moito por facer pero asentamos bases para darlle a esta Festa a relevancia que se merece".
Pola súa banda, desde o Concello de Sanxenxo aseguraron, mediante un comunicado de prensa, que "a implicación das doce asociacións traballando pola Festa é sen dúbida un paso importantísimo na evolución da mesma". E destacan que o traballo realizado polas persoas integrantes de cada colectivo "foi o que levou a crear o ambiente festivo na carpa.
"Queda demostrado que traballar en equipo sempre dá bos resultados", din desde o goberno municipal. "Polo que queremos poñer en valor e agradecer a dedicación e esforzo de cada unha das persoas que pasou a Semana Santa traballando por Portonovo".
A organización da XIX Festa da Raia correu a cargo da Cofradía de Pescadores San Roque, Entretendas Asociación Avante, AVV San Cristóbal, Coral Polifónica Sta. María Adina, Club Xubilados de Portonovo, Asociación folclórica Os Gatiños, Lembranzas Asociación Cultural, MM. RR Santa Catalina, Asociación Porenarte, Asociación Retesías, Asociación Cultural Teatro do Mar e o Concello de Sanxenxo.