O Concello de Marín pide prudencia no consumo de auga ante o baixo caudal do depósito de Cadrelo
Por Redacción
As altas temperaturas e o aumento da poboación en determinadas zonas do municipio de Marín provocaron durante os últimos días un pico elevado de consumo de auga. Esta situación provocou unha baixada de caudal no depósito de Cadrelo, que se alimenta só dos mananciais, minas municipais e de achegas que se realizan na Escola Naval.
Ante este problema, desde o luns iniciáronse os traballos co obxectivo de conseguir unha reserva, xa que nin das minas procede auga e a que se achega a este depósito practicamente é a que se consome, segundo informa o Concello de Marín.
O servizo de augas está a transportar auga a través de camións cisterna co obxectivo de que o depósito manteña un caudal maior e evitar que se cheguen a producir cortes de auga.
Cando se iniciaron os traballos había só 26 centímetros de auga no depósito e, despois de dous días, xa se alcanzaron os dous metros, a través de 20 viaxes. O depósito conta con máis de 500 metros cúbicos de auga. O Concello sinala que todo o que se achega desde o bombeo da Escola Naval e dos mananciais está a consumirse.
Esta é a única solución que contemplan os técnicos municipais á espera de que desde o Concello de Pontevedra se poña en funcionamento a infraestrutura de Acuaes para liquidar a falta de recursos actuais.
Desde o goberno local pídese prudencia á poboación marinense no consumo de auga. O resto de depósitos municipais polo momento non presentan problemas e tentarase evitar que os núcleos sufran problemas no abastecemento.
Relacionadas:
-
Solicitan medidas urxentes para que Piñeiro, San Xulián e Ardán non queden sen auga
Por Redacción |
-
"No verán que vén ten que estar funcionando" a nova rede de abastecemento de auga
Por Diego Espiño |
-
Marín solicita aos propietarios de piscinas un consumo responsable da auga
Por Redacción |
-
Recta final dos traballos do novo sistema de abastecemento de auga da ría
Por Alejandro Espiño |
-
As obras do depósito de auga de Marín atópanse no seu tramo final
Por Redacción |