Ponte Caldelas debaterá unha moción para reclamar á Xunta e Deputación un cambio do mapa de emerxencias
Por Redacción
O pleno de Ponte Caldelas debaterá unha moción dirixida á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial para esixir o inicio dun proceso de diálogo co obxectivo de modificar de inmediato o mapa de emerxencias e, deste xeito, evitar que os bombeiros tarden dúas horas en acudir a unha alerta na denominada "zona de sombra", que afecta os municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro.
O texto da moción, que será apoiada polo grupo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, indica que a cidadanía de Ponte Caldelas se sente indefensa ante este servizo cuxa eficacia radica no tempo de resposta.
Reclámase unha modificación inmediata do modelo actual que fora acordado entre o ex presidente da Deputación, Rafael Louzán e o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Desde Ponte Caldelas se aposta por un mapa de isócronas que garanta un máximo de espera de 20 minutos para todo o territorio provincial.
A moción solicita unha negociación para que se comarcalicen os parques municipais de Vigo e de Pontevedra para poder mellorar os tempos de resposta. Ademais pide que se escoite aos concellos implicados.
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, sinala que a Xunta e a Deputación están a se botar a culpa unha á outra "mentres o risco continúa". O rexedor lembra que nos concellos de menos de 20.000 habitantes a atención aos incendios corresponde tanto á Xunta como á Deputación, como integrantes do Consorcio Provincial de Bombeiros. E engade que o mapa de emerxencias corresponde ao 100% á Xunta de Galicia.
Finalmente critica a actitude de Alfonso Rueda e do director xeral de Emerxencias, Luís Menor, por advertir que a Xunta non está disposta a asumir ningún custo a maiores. Ante esta resposta, Díaz indica que "parece que dan a entender que a vida e a seguridade da xente dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro non está nas súas prioridades".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas insiste na comarcalización dos bombeiros municipais de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma de Bombeiros Públicos aposta por un Plan de Emerxencias baseado en isócronas
Por Redacción |
-
O goberno local apoiaría unha comarcalización do Parque de Bombeiros sen cargas económicas
Por Redacción |
-
Instan a Deputación a asumir a súa competencia en emerxencias: "Deixen de tomar o pelo aos veciños"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada