Os Bombeiros denuncian que a concesionaria Matinsa incumpre os servizos mínimos
Por Redacción
O comité de empresa do consorcio provincial de Bombeiros manifestou a súa sorpresa e desconformidade co incumprimento dos servizos mínimos por parte da empresa concesionaria do servizo, Matinsa, durante a folga indefinida que os traballadores están levando a cabo.
Segundo denuncian, os servizos mínimos do 100% que decretou o consorcio provincial que preside a máxima autoridade da Deputación, Carmela Silva, incúmprense.
Estes servizos mínimos obrigaban a manter as dotacións de bombeiros tal e como establecía o calendario. Pero o comité de empresa denuncia que Matinsa segue priorizando o beneficio económico sobre a atención aos cidadáns da provincia e realizou reducións nas dotacións de garda pasando de gardas de catro ou cinco bombeiros a tan só tres.
Os representantes sindicais dos bombeiros sinalan que a folga continúa estancada sen achegamento na negociación. Por este motivo, os bombeiros solicitarán a mediación do consorcio.
O colectivo sinala que grazas ás presións dos traballadores negándose a facer horas extra a pesar da diminución económica que lles supón, Matinsa viuse obrigada a contratar bombeiros da bolsa de emprego. Estes profesionais contratados habían aprobado as probas de acceso e, con todo, a firma madrileña rexeitaba contratalos para cubrir as baixas de longa duración.
O comité apunta a que, dado o número de baixas actuais, a empresa debería convocar novas probas e contratar a máis efectivos para os catro parques do consorcio.