Preto de 600 persoas de seis concellos abren esta fin de semana 'En Ruta coa Depo'
Por Redacción
Preto de 600 persoas de seis concellos da provincia inauguran esta fin de semana o programa 'En ruta coa Depo' da Deputación de Pontevedra. As primeiras 300 percorreron este sábado Cambados e O Grove, otras preto de 200 visitarán O Grove, Soutomaior e Redondela este domingo e o luns serán máis de 100 as que se despracen ata as Illas Cíes.
Un grupo de 60 persoas procedentes da Asociación Cidadelle de Redondela realizaron este sábado unha ruta por Cambados e outras 220 do centro recreativo de Torroso en Mos e do Club de Xubilados e Pensionistas Nosa Señora do Carme de Moaña -110 de cada colectivo- realizaron unha ruta pola Ría de Arousa.
Segundo informa a Deputación, máis de 108 persoas da Asociación Beade de Vigo realizarán este domingo unha ruta pola Ría de Arousa, un grupo de 90 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Eira de Vigo terán a oportunidade de visitar os concellos de Redondela e Soutomaior, con visita á Illa de San Simón e ao Museo Meirande, percorrendo Ponte Sampaio e o Castelo de Soutomaior.
Xa para a xornada do luns, un grupo de 55 persoas do club de pensionistas de Sanxenxo e outro de 53 da Asociación Ardefur de Cuntis partirán cara ás Illas Cíes.
'En ruta coa Depo' pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. O programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais e titores poidan gozar cos nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.
En total, está previsto que preto de 20.000 persoas pertencentes a 300 entidades da provincia participen neste programa promovido polo departamento de Cohesión Social e Xuventude de Deputación, 1.000 máis que o ano pasado.
A Deputación achega a este programa 260.000 euros, 21.500 máis que o ano pasado, e oferta por vez primeira 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. En total, 'En ruta coa Depo' oferta 32 alternativas divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.